Wednesday 08 de May de 2024

Arredor de cen persoas participaron onte no visionado do eclipse parcial de lúa no Pico Sacro


 

Arredor de cen persoas participaron onte á noite no visionado do eclipse parcial de lúa. Organizada polo Departamento de Educación e Cultura do Concello de Boqueixón en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller e Turismo de Galicia –dentro do programa O Camiño das Estrelas. As estrelas do Camiño, O teu Xacobeo-, esta actividade tivo lugar no Pico Sacro.

Alí, o director do Observatorio Astronómico, José Ángel Docobo, encargouse de explicar unhas nocións básicas sobre como se produce o eclipse parcial de lúa, así como detalles sobre os principais planetas e constelacións que se poderían visionar durante a actividade. Aínda que as nubes, nun principio, non permitían a axeitada observación do satélite natural da terra, as condicións meteorolóxicas deron finalmente unha tregua e as persoas asistentes puideron observar, a través dos dous telescopios dispoñibles, o eclipse parcial de lúa.

Dende o Departamento de Educación e Cultura amosaron a súa satisfacción pola “gran acollida que tivo esta actividade, superando todas as expectativas”. Non en van, se a previsión era de medio cento de persoas, finalmente os asistentes achegáronse aos cen.